Friday 19 de April de 2024

Récord de participación no VI Certame de Relatos ‘Xosé Neira Vilas’ con 123 propostas presentadas


 

O fallo do xurado darase a coñecer o vindeira semana e a entrega de premios terá lugar o 16 de maio nun acto celebrado no CPI Antonio Orza Couto

O VI Certame de Relatos Xosé Neira Vilas bateu récords de participación cun total de 123 propostas presentadas polo alumnado dos centros educativos de Boqueixón de 3º a 6º de Primaria e de Secundaria. O concurso, organizado pola Biblioteca Municipal de Boqueixón, en colaboración coa Fundación Xosé Neira Vilas e o CPI Antonio Orza Couto, ten como principal obxectivo potenciar a lectura e a creatividade literaria entre o estudantado, ademais de fomentar valores como a liberdade, o respecto e a tolerancia.

As persoas encargadas de valorar os relatos son o presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo Neira; a bibliotecaria e arquiveira do Concello de Boqueixón, Ana Beatriz Díaz Míguez, e o profesor de Lingua e Literatura Galegas do CPI Antonio Orza Couto, Francisco Alexandre Pérez Rodríguez. O xurado valorou moi positivamente “a excelente resposta acadada nesta sexta edición do certame, xa que recibimos preto do dobre de propostas con respecto ao pasado ano”. Ademais, salientou “a boa calidade dos traballos presentados”. O seu fallo darase a coñecer a vindeira semana e a entrega de premios terá lugar nun acto que se celebrará no CPI Antonio Orza Couto dentro da súa Semana das Letras Galegas.

As propostas presentadas encádranse dentro de tres categorías: escolares de 3º e 4º de Educación Primaria; alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria, e estudantado de Educación Secundaria.

O VI Certame de Relatos Xosé Neira Vilas repartirá ata 750 € en galardóns, que serán os seguintes:

• 1º Premio: diploma, vale de 100 € en libros e un libro editado
• 2º Premio: diploma, vale de 75 € en libro e un libro editado
• 3º Premio: diploma, vale de 75 € en libro e un libro editado